Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidade técnica, non recaba ni cede datos de carácter persoal dos usuarios sin o seu coñecemento. Sin embargo, contén ligazóns a sitios web de terceiros con políticas de privacidade alleas á de Emalcsa que vostede poderá decidir se acepta ou non cando acceda a eles.
Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, na nosa Política de cookies
Aceptar Denegar Configurar
Notas de prensa

Notas de prensa

EMALCSA impulsa o primeiro Plan de Igualdade da compañía, que se implantará ao longo do 2021

Notas de prensa |

EMALCSA pon en marcha o primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes da compañía co obxectivo de implantalo ao longo do 2021 e de conseguir melloras reais neste ámbito dentro da empresa e, por extensión, no conxunto da sociedade.

A redacción deste proxecto levouse a cabo en colaboración e baixo o asesoramento dunha empresa especializada en plans de igualdade e todos os avances que se dean neste campo serán debidamente trasladados ao persoal.

Neste sentido, hoxe, luns 8 de marzo, con motivo do Día Internacional da Muller, facilitarase a unha mostra representativa das traballadoras e traballadores un formulario en liña para levar a cabo unha análise de todos os postos de emprego da compañía desde unha perspectiva de xénero.

O obxectivo é revisar o actual manual de postos de traballo (RPT) e aliñar esta ferramenta co desenvolvemento do primeiro plan de Igualdade, de acordo cos requisitos sinalados na lexislación vixente.

EMALCSA declara así o seu compromiso no establecemento e desenvolvemento de políticas que integran a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes, así como no impulso e fomento de medidas para conseguir unha igualdade real e efectiva no seo da organización.

En todos os ámbitos nos que se desenvolve a actividade da compañía, desde a selección á promoción, pasando pola política salarial ata a formación, as condicións de traballo e de saúde e a ordenación de tempo e conciliación laboral e familiar, EMALCSA quere asumir o principio de igualdade de oportunidades entre sexos. Para iso, dedicará especial atención á discriminación indirecta, aquela que se esconde baixo criterios ou prácticas aparentemente neutras, pero que poñen en desvantaxe a persoas dun xénero fronte ao outro.